O Foro Enerxético de Galicia reivindica a implantación de de 600 MW eólicos para dinamizar a economía industrial galega

O Foro Enerxético de Galicia reuniuse o pasado 8 de novembro de 2017 en Lugo, co fin de reivindicar a implantación de novos parques eólicos na nosa Comunidade Autónoma, como forma fundamental de revitalizar a economía industrial galega. As recentes poxas eólicas celebradas por parte do Ministerio de Industria abren a posibilidade de implantar ata uns 600 MW eólicos, pero para acadar esta cifra é precisa unha alianza entre as empresas adxudicatarias, fabricantes de compoñentes e as administracións autonómica e estatal.

Por parte do Foro Enerxético de Galicia estimamos que a implantación de 600 MW eólicos suporía un investimento duns 700 millóns de euros en novos parques eólicos, o que contribuiría a aproximarnos ao 20% do P.I.B. en produción industrial porque a Comunidade Autónoma podería aportar excelentes recursos para fabricar os compoñentes (palas, torres, turbinas...), instalacións asociadas (novas liñas eléctricas, subestacións e centros de transformación), enxeñería e as infraestruturas necesarias (dende as zapatas dos aeroxeradores ata a ampliación e mellora das comunicacións terrestres existentes); ademais a enerxía eólica ten un importante valor engadido porque produce postos de traballo de forma local e sostido, a diferencia das fontes convencionais nas que o custe fundamental é o propio material (petróleo ou gas natural).

Para acadar esta potencia é necesario un compromiso por parte das empresas adxudicatarias da poxa eólica (unha aposta clara pola nosa comunidade autónoma) para que estes MW estean en funcionamento o 31 de decembro de 2019, tal e como esixen as condicións da poxa.

Por parte do Foro desexamos poñer en valor aplicación de estándares para a xestión dos activos (ISO 55.000), responsabilidade social (ISO 26.000) e xestión de riscos (ISO 31.000) co fin de consolidar o bo goberno, a imaxe positiva das renovables e que o investimento neste sector na nosa Comunidade sexa un atractivo e sostible a longo prazo.

O Foro Enerxético desexa reivindicar que Galicia é a Comunidade Autónoma coas mellores condicións de recurso eólico en toda a Península Ibérica, fomos pioneiros a nivel mundial e que o know how en enerxía é dos máis importantes de Europa, por ter aeroxadores funcionando dende hai máis de 30 anos na Comunidade. Nesta mesma liña desexamos poñer en valor a repotenciación dos parques eólicos máis vellos, para o que sería positivo axilizar a súa tramitación e incrementar a seguridade xurídica do sector; desta maneira Galicia podería volver a liderar a implantación de tecnoloxía eólica en España no ano 2020.